Uso de cookies

Nesta web utilizamos cookies, tanto propias como de empresas colaboradoras, para obter datos estatísticos da navegación dos usuarios, o que nos permite mellorar a información e a publicidade que che mostramos e adaptala ós teus hábitos de navegación. Se continúas navegando, entenderemos que aceptas o seu uso. Se queres, podes cambiar a configuración das cookies ou ampliar esta información.

Inicio // Informacion institucional // Oficina de comunicación // Notas de prensa NCG Banco acelera a súa adaptación á nova normativa, con saneamentos por 1.638...

Notas de prensa

31   de   agosto   de   2012

NCG Banco acelera a súa adaptación á nova normativa, con saneamentos por 1.638 millóns

NCG Banco acelera a súa adaptación á nova normativa, con saneamentos por 1.638 millóns

  • O novo equipo xestor xa dedicou 3.688 millóns a provisións en 9 meses
  • O saneamento do semestre xenera un resultado negativo de 1.399 millóns

31.08.2012. Novagalicia Banco prosegue a súa estratexia de saneamento de balance, destinando 1.638 millóns de euros a dotacións durante o primeiro semestre do ano, case nove veces máis que as dotacións realizadas no primeiro semestre de 2011. Trátase do maior saneamento semestral realizado pola entidade. As provisións realizadas xeran un resultado atribuído negativo de 1.399 millóns de euros. O saneamento enmárcase no proceso de recapitalización de NCG Banco e está contemplado nos plans enviados ás autoridades españolas e europeas.

As contas do primeiro semestre de 2012 foron aprobadas onte polo consello de administración de NCG Banco. Cos 1.638 millóns de euros de dotacións do semestre o novo equipo xestor xa destinou 3.688 millóns de euros ao saneamento do balance da entidade nos últimos 9 meses.

A maior parte do saneamento realizado ata xuño permite ir anticipando a nova lexislación española (reais decretos Lei 2/2012 e 18/2012), que obriga a cubrir con maiores provisións os activos (bens adquiridos a promotores, créditos inmobiliarios e créditos hipotecarios) do sector inmobiliario no balance da entidade e os previsibles requirimentos de traspaso de activos á futura Entidade de Activos Degradados.

A marxe de intereses increméntase un 21,8%

A marxe de intereses, aquel que recolle o negocio puro de intermediación financeira, elevouse a 430 millóns de euros, cun incremento do 21,8% respecto ao mesmo período do ano anterior.

A marxe básica crece un 11,5% a pesar de que esta marxe recolle un descenso dos ingresos netos por comisións do 14,3% ata os 120 millóns de euros. A nova estratexia do banco baséase en eliminar o cobro de comisións entre os clientes máis vinculados e introducir máis e maiores comisións aos non clientes.

A marxe bruta de NCG Banco xera 613,1 millóns de euros en ingresos, un 10,6% menos que un ano antes. O descenso da marxe bruta responde a unha baixada de 40 millóns no resultado de operacións financeiras respecto ao mesmo período de 2011, exercicio no que se realizaron as vendas de EDP, Brisa ou Repsol; aos peores resultados de empresas valoradas polo método de participación, que contabiliza un importe negativo de 41 millóns; e a un aumento de 30,4 millóns da achega ao Fondo de Garantía de Depósitos (FGD) debido aos cambios introducidos na súa regulación.

Os gastos de explotación redúcense un 5,5% ata os 444 millóns de euros, a pesar de que incorporan os custos asociados á redución de persoal que se produciu no primeiro semestre. Sen considerar devanditos custos, os gastos de explotación reduciríanse un 17,2% e os de persoal un 21,5%. O cociente de eficiencia mellora nun 20% respecto ao primeiro semestre de 2011.

A maior dotación de provisións e saneamentos

Ao longo do semestre realizáronse provisións e saneamentos por importe de 1.638 millóns de euros, cifra case nove veces maior que os 194 millóns de euros realizados no mesmo período de 2011. Do total destináronse 1.215 millóns de euros ao saneamento do crédito, 250 millóns a cubrir a deterioración de activos adxudicados e 173 millóns de euros ao saneamento doutros activos financeiros.

5.200 millóns de financiamento concedido no semestre

O crédito a clientes sitúase en 45.169 millóns de euros, cunha redución do 4,6% do crédito bruto no semestre. A baixada responde a unha estratexia de redución do perfil de risco da entidade. NCG reduciu no semestre en 1.002 millóns de euros a súa exposición á promoción inmobiliaria e gran empresa.

Pola contra, a matriz do grupo formalizou novas operacións de financiamento por importe de 5.220 millóns de euros. O novo crédito está centrado en familias e pequenas e medianas empresas (pemes), incluíndo liñas de desconto, factoring e confirming.

Unidade de Xestión de Activos Singulares (UGAS) aumenta un 18% a venda de inmobles

A peche de xuño de 2012 os activos adxudicados ou recibidos en pago de débeda presentaban un valor neto contable de 2.583 millóns de euros, tras a venda de 1.426 inmobles por importe de 170 millóns no semestre, un 103% máis que as vendas realizadas no mesmo período do ano anterior. A cifra de venda de inmobles elévase a 3.588 unidades por un importe de 368 millóns de euros se consideran tamén as vendas de inmobles de promocións financiadas.

Prosegue o proceso de desinversión en participadas que, ata xuño, xerou uns ingresos de 50 millóns cunhas plusvalías de 12 millóns de euros. Entre as desinversións realizadas destacan as participacións en Calvo e Enerfin Enervento Exterior.

EVO permite reducir un 32% o número de oficinas fóra de Galicia

O lanzamento de EVO Banco, a nova marca comercial de NCG nacida a mediados de marzo 2012 para operar fóra de Galicia, permitiu realizar unha potente reestruturación da rede de NCG Banco fóra de Galicia. Os datos do primeiro semestre amosan unha redución de oficinas dun 31,89% fóra de Galicia (fronte ao 3,68% de Novagalicia). A reorientación do modelo de negocio sitúa a EVO con 120 oficinas nas 70 principais cidades españolas.

43.984 millóns de euros en depósitos de clientes

Os depósitos de clientes terminaron o semestre cun saldo de 43.984 millóns de euros (redución do 5,8%), aínda que o groso do descenso provén das partidas que responden a operatoria maiorista, cun comportamento máis volátil (cédulas non negociables, cesión temporal de activos, operatoria co Tesouro), que no último ano reduciron o seu saldo en 3.735 millóns de euros.

A captación de recursos de clientes minoristas presenta unha redución do 5,6% nos depósitos á vista, similar á caída xeral do aforro en España (en España os depósitos de clientes baixan unha media dun 5,2%). Os depósitos a prazo minoristas de NCG banco finalizan xuño cun saldo de 18.791 millóns de euros.

Reestruturación: 474 oficinas menos e redución de 1.771 empregados

Entre xaneiro e xullo NCG Banco pechou 160 oficinas (24 en Galicia, 135 en resto de España e 1 no estranxeiro), o que supón acumular 474 oficinas pechadas desde decembro de 2010. Tras estes peches NCG Banco dispón dunha rede de 900 oficinas operativas en España. Ao longo do semestre a entidade reduciu o seu persoal en 386 empregados o que supón unha redución de 1.771 no último ano e medio, para totalizar un persoal de 5.946 empregados na matriz. En datos comparables de 2011, NCG reduciu as súas oficinas nun 23,4% (por un 8,1% de media española) e o seu persoal nun 20,6% (por un 5,9% de media resto de entidades). A xuño de 2012, a reestruturación alcanza unha redución de oficinas do 33% e do 23% no número de empregados.

Compartir